Friday 03 de May de 2024

Uns 400 deportistas participarán a finais de mes na quinta edición do Trishark Narón


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá a cuarta edición do Trishark Narón 2021 acompañados por Amando Guerrero, presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón e dúas integrantes do club local que participarán no evento, Lucía Piñón e Michelle González. A cita, tal e como avanzou a rexedora local, terá lugar o vindeiro 30 de xuño na zona do paseo marítimo de Xuvia e as súas inmediacións e contará coa participación duns 400 deportistas procedentes de varios clubs de diferentes localidades estatais, moitos deles galegos. O Concello organiza o evento en colaboración coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón e co respaldo das administracións autonómica, provincial e da Federación Española de Triatlón (Fetri) e da Federación Galega de Triatlón (Fegatri).

A proba deportiva consistirá en 750 metros a nado, 23 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira. O Trishark Narón será clasificatorio para o campionato de España de Sprint, inclúe unha proba autonómica e tamén se disputará o Campionato Galego Junior, segundo apuntou Guerrero. O presidente da entidade deportiva local avanzou que participarán deportistas de medio centenar de clubs, entre outros, como o Katoa, de Barcelona; o Ecosport, de Alcobendas; Tritones de La Rioja; La 208, de Elche; Tritoledo; Triatlón Oviedo; Triatlón Valladolid; Helios de Zaragoza; Baby School, de Cuenca; Saltoki, de Pamplona; Olímpico de Vedra; Fluvial de Lugo, San Ramón de Vilalba, Triatlón Arteixo, o Club de Natación Liceo e o de Ribeira, O Triatlón Vao, de Vigo… a maiores dunha ampla representacións de deportistas da AD Náutico de Narón.

En canto aos triatletas que estarán na lista de saída anunciáronse algúns como Cesc Godoy, David Castro, Rubén Pereira , Brais Canosa, Ana Peirats e a naronesa Sara Guerrero, entre outros.
A saída dos participantes no Campionato Galego Júnior será ás 17.30 horas, se ben a do Campionato de España ás 17.50 horas, e as da proba autonómica terá lugar ás 19.05 para a categoría masculina e ás 19.15 a feminina. A organización repartirá premios individuais para o clasificatorio do Campionato de España e tamén para equipos e para deportistas da proba popular. As persoas interesadas en participar poden facelo inscribíndose a través do enlace: https://www.nauticonaron.com/trishark/, donde se realizará unha lista de agarda no caso de que non queden prazas dispoñibles para cubrir posibles baixas.
Guerrero agradeceu a implicación do Concello, así como a colaboración da Fetri e da Fegatri, para poder levar a cabo unha nova edición do Trishark Narón na cidade.

A alcaldesa, pola súa banda, destacou o traballo da AD Náutico de Narón ao longo de cada tempada e destacou os logros dos deportistas locais, aos que desexou moita sorte no Trishark Narón.
O desenvolvemento do Trishark Narón levará implícitas unha serie de restricións en canto ao tráfico rodado e o estacionamento na zona de Xuvia que se anunciarán previamente, tal e como se indicou dende o Concello.